jueves, 5 de mayo de 2016

Sempre SEMPER


Arquitecto e teórico alemán nado en Hamburgo en 1803. Non sempre tivo en mente esta disciplina. Nos seus primeiros anos como estudante, adicouse de maneira desordeada ás matemáticas e á estatística, para logo buscar traballo como inxeniero. A vida disoluta desta etapa (alcohol, xogo, duelos) imposibilitoulle centrarse e obligouno a cambiar de cidade en varias ocasións.
Non sería ata 1829 que se empregaría por primeira vez coma arquitecto, xa en París. Serían tempos revoltos cheos de debates animados sobre cuestións técnicas (fascináballe especialmente o tema sobre a policromía das obras da antiguidade clásica) e cando nacerían nel os ideais republicanos que tristemente xogarían na súa contra anos máis tarde.
Seguidamente adscribiríase ó corpo diplomático, o que lle permitiu viaxar a Grecia e Roma e, de paso, realizar investigacións arqueolóxicas. As súas publicacións sobre a policromía derivadas de ditas investigacións foron determinantes para que en 1834 lle ofreceran unha cátedra na Academia de arte de Dresde.
A partir deste momento, ó mesmo tempo que impartía clases, comezaría unha escintilante carreira como arquitecto. Ó teatro da Corte desta cidade seguiríanlle outras moitas construccións que levarían a consideralo á xove promesa da arquitectura alemá. Participaría además activamente da vida artística de Dresde, frecuentando espcialmente músicos como Weber, Shumann ou Wagner. Precisamente estivo moi vinculado a este último durante gran parte da súa vida. As súas primeiras grandes obras, O holandés errante e Tannhäuser, foron estreadas no Teatro que deseñara Semper.   
No 1848 sucedéronse as revoltas en Europa. Semper aliouse cos republicanos e viuse obligado a fuxir do país e rematar como refuxiado en París e logo en Londres. Durante os anos seguintes adicaríase á investigación e a teorización. Precisamente neste momento publicaría unha das súas obras máis coñecidas: “Os catro elementos da arquitectura”, na que teoriza sobre a arquitectura dende unha perspectiva antropolóxica. Semper considera dous grupos primordiais: o lume, como unha analoxía do fogar; os elementos que protexen ó lume (e por tanto ó fogar) dos elementos externos. A súa análise parte dunha cabana primixenia, primitiva e vai deconstruindo os seus elementos no básico, tendo moi en conta as razóns da súa orixe e a utilidade.
En 1859 trasladaríase a Zurich, onde ensinaría arquitectura no Politécnico Federal e redactaría os dous tomos da súa obra  monumental “O estilo nas artes técnicas e tectónicas”. Nesta época final voltaría a construir, destacando a súa participación no deseño dun grupo monumental ó largo da Ringstrasse de Viena.
Semper morrería en Roma en 1879 como unha gran figura teórica. De lectura densa, ó mesmo tempo abre a mente a un pensamento diferente e práctico, a unha visión analítica de porqué as cousas son como son. Cabe mencionar a súa contraposición a Vitrubio. Mentres que o mestre clásico destacaba os elementos artísticos da arquitectura, Semper consideraba máis importante o propio feito da construcción, visión que contradicía totalmente a monumentalidade que ata ese momento se cultivara. Nos países anglosaxóns foi un importante referente que condicionou a maneira de ver o espacio, algo que queda latente nas obras da primeira metade do século XX.

Para saber máis:
  • “Escritos fundamentales de Gottfried Semper”. Antoloxía dos seus escritos máis destacados como “Los cuatro elementos de la Arquitectura”, “Teoría de la belleza formal” e outor. ( Signatura: 74 SEPO)
  • “Semper: el estilo”. Edición monumental, anotada e ampliada do clásico tratado de estética  “El estilo en las artes técnicas o tectónicas, o, Estética práctica y textos complementarios”. Inclúe numerosas nota e ilustracións non engadidas na edición orixinal pero que aportan unha visión máis completa da obra, así como textos doutros autores e materiais relacionados cos temas que comenta Semper. (Signatura: 74 SEPE)
  • Gottfried Semper: architect of the nineteenth century. Extenso estudo da traxectoria vital e profesional do arquitecto. Inclúe numerosas ilustracións e biblografía.  (Signatura: 72 Semper MAL)
  • Gottfried Semper: architettura e teoria. Obra mais modesta que repasa a vida de Semper e analiza a súa teoría estética ( 72 Semper HER)


No hay comentarios: